MANIFESTO

Nas mans temos hoxe unha obriga histórica coa nosa Terra. Dende un recuncho máxico de Ourense aberto ó mundo próximo e máis alá das fronteiras humanas, no que as árbores son aínda o cerne da nosa vida, queremos propor algo máis ca unha suxestión de fe. Escoitemos falar o vento do Bosque: sintamos as súas voces, que chegan dende as raíces das ancestrais orixes ata o noso mundo moderno.

Tedes que expor un proxecto para a recuperación, dinamización e preservación sostíbel dun espazo que abrangue as terras dos catorce concellos pertencentes ó “GDR 16”. Nel tense formado un equipo humano e técnico que, contando co apoio de varios organismos e asociacións, se dedicará ós estudos, achados e reportaxes que formarán a materia básica dunha páxina web interactiva na que se exporá todo o que latexa, acontece ou se agocha neste espazo. Amosarémoslle ó mundo, dende as redes mediáticas e sociais, que este “ Bosque Máxico” existe realmente.
Debemos concienciar a sociedade de que a humanidade está entrado nun estado case irreversíbel de non retorno. Nel estanse a xerar moreas de afeccións negativas, climáticas e sociolóxicas que inflúen, dunha forma drástica, nos contornos sociais e medioambientais.

Temos que sentir o murmurio do vento, esa corrente de necesidade que nos axude a crear un espazo con “denominación de orixe”, un espazo no que se activen e xeren novas formas positivas e lóxicas de actuación. Novas formas nas que se acolla, se protexa e preserve, ante todo, a nosa especie humana, co fin de crear un lugar máis axeitado no que podermos vivir. “O Bosque Máxico” será entón como un novo vieiro a seguir no cal o ser humano se decate e corrixa a súa forma de actuar equivocada.
Porque aínda é tempo de reaccionar e comezar ese novo camiño no que podermos convivir cunha biodiversidade máis limpa, mais sostíbel e transparente; máis viva, en suma, que nos arroupe e nos protexa, para así poder seguirmos na irrenunciábel tarefa da sostibilidade.

Agardemos que o clima, a natureza e as persoas nos dean outra oportunidade para poder recompor e estabilizar toda esta barbarie, todos estes desastres ecolóxicos e sociolóxicos que estamos xerando. Que aprendamos dende a natureza do ‘Bosque Máxico’ a sentir co corazón, para cando as vindeiras xeracións sintan a necesidade, ou para cando xa non lles quede outra opción, que se lembren de que existe un lugar que, xunguido e arroupado pola natureza, latexa nun estado harmónico e nivelínico. Un espazo impulsado pola erxia e a percepción dunha necesidade que se poida converter no “ Bosque Máxico”, un legado cheo de vida e de realidade.

Toño Monteiro.