Comezaremos o roteiro polos bosques que rodean a vila de Celanova na Praza Maior, ao pé do Mosteiro de San Salvador, fundado polo político e monxe galego Rosendo Gutiérrez. Dentro das instalacións do monumento medieval é imprescindible visitar o claustro e a capela de San Miguel, unha pequena xoia da arte Mozárabe.
Subiremos pola rúa San Roque en direción ao lugar de Castromao, pasando á beira dun rústico cruceiro e dun lavadoiro ubicados algo antes da Casa-Museo de Curros Enríquez. Ao fondo desta rúa, viraremos á esquerda polo Camiño do Tanque, aínda dentro do perímetro urbano da vila. Cruzaremos a OU-311 para internarnos no camiño de monte que nos ascenderá á aldea tradicional de Castromao, a cal atravesaremos para chegar á igrexa parroquial, presidida por un rústico cruceiro.
Desde aquí ascenderemos ao poboado castrexo de Castromao, habitado polos Galaicos durante case un milleiro de anos, onde se conservan as ruínas dos seus espazos habitacionais e sistemas defensivos. Unha vez percorrido o castro, descenderemos pola entrada sur, e novamente teremos que atravesar a OU-311 para internarnos no monte de Outeiro de Ermida e Cortiña Grande, no cal se distribúen varias explotacións gandeiras.
Dese xeito chegaremos á estrada OU-0209, que cruzaremos para introducirnos na Facenda do Agro, un lugar de cría sostíbel de vacún de carne con magníficos exemplares de razas Salers e Cachena. Ascendendo pola pista da explotación gandeira accederemos á Chaira, unha penichaira de intensa ocupación Neolítica que a día de hoxe segue coas mesmas funcións productivas que lle outorgaron os primeiros gandeiros da nosa terra. A subida á Chaira merece a pena, pois ademáis dun fermoso bidueiral e das tumbas megalíticas que se conservan na planicie, disfrutaremos dunha gran vista sobre a paisaxe das Terras de Celanova, salpicadas de bosque atlántico caducifolio.
Baixaremos da Chaira deixando á esquerda a Casa da Neve, lugar onde o Mosteiro de Celanova tiña un Neveiro adicado na Idade Media á produción de xeo para conservar os productos frescos e para comercializalo. Pouco a pouco atraveseremos fermosas paraxes de bosque caducifolio para descender progresivamente ata Canón e de seguido a Celanova. Entremos na vila pola rúa Manuel Lezón pola que se accede á Praza do Galo, Alameda e Praza Maior, onde se situaba o punto de partida, logo de percorrer aproximadamente 14 quilómetros.























