ROTEIRO DO RÍO DEVA

Introdución
O roteiro do río Deva sumérxenos nunha paisaxe confeccionada a carón de dous aspectos determinantes para o seu devir histórico. Por un lado, o medio físico e polo outro, o seu topónimo. No que respecta á primeira cuestión, vén marcada pola tremenda forza e poder erosivo do Deva, que ao longo do seu percorrido, creou grandes precipicios e profundos vales en v, sobre todo nos longos periodos de desxeo dos graciares que no Holoceno cubriron o planalto do Leboreiro. No que respecta á denominación, as Terras do Deva responden a unha gran divinidade homónima Pangalaica; unha divinidade das augas, unha deusa transforamda en Ninfa que foi venerada en todo o noroeste peninsular.
O percurso polo roteiro do Deva presenta un elevado interés natural, con grandes áreas arboladas de bosque mixto caducifolio. A zona termófila na que se instalan as terras baixas do Deva proporciónanlle unha gran biodiversidade, producíndo unha explosiva mezcla de bosque atlántico e mediterráneo. Así, a presenza de grandes especimes de carballo misturados con rodais de laurel que lembran á laurisilva, é moi frecuente ao longo deste roteiro.

http://gl.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=view&id=3799385&measures=on&title=off&near=off&images=off&maptype=T

Descripción
Comezaremos o percurso na fortaleza de A Torre, con restos dun esplendoroso pasado castrexo e medieval onde seguramente se rendíu culto á deusa Deva. Hoxe, como tantos outros outeiros do noso país consagrados a divinidades galaicas, está cristianizado coa Igrexa parroquial de San Pedro.
Avanzaremos direción sur cara a aldea de Souto, onde xusto ao remate da mesma, descende unha pista que se interna no bosque do Deva, e zigue-zagueando baixa ate o río, o cal teremos que atravesar por unhas poldras de pedra; coidado en época de crecidas, pois pode resultar complicado. Neste punto, se seguimos o curso do río augas arriba, agóchanse fervenzas e pozas de auga cristalina que en época esival son espectaculares para o baño.
Vadeado o Deva, aproveitaremos unha pista recentemente aberta para unha explotación hidráulica, que nos achegará a Xinzo de Deva, lugar de ubicación do cruceiro e capela de San Bartolomeu. Desde Xinzo, continuaremos a Entrerríos atravesando unha fermosa ponte medieval, nunha paraxe de enorme poderío acuatico onde se xuntan Gorgua e Deva que, sen dúbida, no imaxeneo nos lembra á deusa Deva erguéndose das augas entre o frondoso bosque de ribeira.
Seguiremos á beira do río Gorgua ate a ponte da Retorta, desde onde ascenderemos ao lugar de Os Outeiriños e colleremos unha pista que nos leva pola marxe esquerda do río, augas arriba do mesmo e sempre contemplando a autoridade do Monte da Torre, protexido con fortes escarpes e terrapléns que o converten en infranquexábel polo norleste. Continuaremos camiñando entre unha repoboación de piñeiros ate cruzar o río Gorgua na ponte da Santa e comezar un pronunciado ascenso ata o Monte de Grixó, onde alacanzaremos a estrada que nos achegará de novo ao punto de partida.

Advertisements