ARQUEOLOXÍA


MÁMOAS E DÓLMENES
As antas destas necrópoles atópanse nas ribeiras do encoro do Salas. Si se parte de Bande, capital comarcal, a poucos kilómetros hai un desvío á esquerda que leva ó concello de Muiños, polo que hai que chegar a Mugueimes, onde, ante un primeiro cruzamento, débese xirar á esquerda ata o núcleo desta poboación: unha vez alí hai que dirixirse á estrada que leva dereitamente ata o lugar de Maus de Salas. As antas da necrópole do Outeiro de Cavaladre atópanse seguindo a dirección da esquerda ( desde Maus de Salas ), cara á cola do encoro, na estrada que leva a Guntumil e Requiás, estando perfectamente sinalada. Para ir ás Antas Casiña da Moura e á Casota de Foxo, hai que coller a dirección da dereita desde Maus de Salas, pola que se vai á comporta do encoro.

Necrópole do Outeiro de Cavaladre ( Requiás )
M1: Atópase a poucos metros á dereita da estrada que conduce a Guntumil e Requiás, pouco antes de atravesar a ponte que cruza o encoro. A anta corresponde ao tipo de megalitos con cámara tendente ao polígono e, asemade, posúe o corredor de acceso. Conserva nove esteios e tamén a pedra cobertora do corredor, así como un anel de pedra que arrodea a mámoa.

M5: Emprázase á esquerda da estrada, a uns trescentos metros e chégase por un camiño de terra que parte enfronte da Anta primeira. A estructura desta anta, inserida nunha mámoa de tamaño medio, corresponde tipoloxicamente ós monumentos tipo cista (¿enterramento individual?) e conserva oito esteios da cámara, sendo restos algúns do corredor de entrada.

Necrópole de Maus de Salas (Encoro de Salas )
Anta Casiña da Moura: Desde a aldea de Maus de Salas, seguindo a dirección da dereita, é a primeira anta que se atopa á beira da comporta do encoro. Trátase dun completo exemplar de anta coa cámara poligonal conformada mediante sete esteios que soportan unha pedra cobertora monolítica de gran tamaño. Os esteios da cámara están dispostos de xeito que se imbrican entre si debuxando unha cámara que acada os dous metros e sesenta centímetros. Esta anta fermosa e propocionada foi desprazada da súa posición orixinal por mor da construcción do encoro, polo que as laxes do que fora o corredor de entrada fican apoiadas no interior da cámara, sendo imposible a súa reconstrucción. O enxoval exhumado compoñíase por dúas machadas, das que unha amosa forma globular co fondo plano.

Anta Casota do Foxo: Está ó aoutro lado da comporta do encoro, nun pequeno outeiro dende o que se divisa unha boa panorámica dos arredores. A estructura da cámara é poligonal e está conformada por sete esteios. Nos eixos da cámara as medidas van dende os dous metros e corenta centímetros ata os dous metros e sesenta centímetros. O conxunto arquitectónico atópase coroado por unha poderosa pedra cobertora monolítica, que é máis grosa na medida en que se achega é entrada da anta. O mesmo acontece coa Casiña da Moura, non presenta restos visibles do corredor e é probable que tamén fose desprazada do asentamento orixinal. O enxobal exhumado nas excavacións arqueolóxicas conformábase de anacos de vaso campaniforme cunha decoración a xeito de liñas horizontais e puntillladas.

Castrexos:
Castro de Taboadela (Barxés)
Castro de Outeiro de Cela (Mugueimes)
Castro de San Pedro de Muiños (Muiños)
Castro de Santa María do Castro (Guntumil)

Vestixios Romanos:
A VÍA XVIII DO ETINERARIO ANTONINO, que desde Braga se dirixe a Astorga, atravesa o concello. No encoro de As Conchas, e compartido co veciño Bande, atopamos as escavacións arqueolóxicas da antiga mansión de Aquis Querquensis, situada a 53 millas de Braga, na que paraban os viaxeiros e que contaría cun pequeno destacamento militar duns 500 homes, encargado de vixiar a zona.

Advertisements