CARTELLE, CULTURA, TURISMO E MONUMENTOS

O concello, de 93,94 km², abrangue 12 parroquias. Está situado na cunca do río Arnoia, afluente do Miño. Está comunicado con Ourense e Celanova a través da estrada N-540. A capital está na aldea de Outomuro.

Durante o feudalismo e o antigo réxime estivo baixo influencia do mosteiro de Celanova. O castelo de Sande foi doado no século XII ao mosteiro por Afonso VII, e o abade do mosteiro acumulou os títulos de conde de Bande, marqués da Torre de Sande e capelán da Casa Real. Os monxes estimularon o cultivo do viñedo.

A torre de Sande é unha fortaleza medieval próxima xa ás terras do Ribeiro, declarada Ben de Interese Cultural. Próxima a ela está a Casa de Outeiro, do século XVIII.

A igrexa de Santa Baia de Anfeoz é barroca, cun grande campanario. No seu muro hai un peto de ánimas do mesmo estilo, así como os templos de Cartelle, As Marabillas, Espiñoso e Mundil, onde foi soterrado o Padre Feijóo.

A ponte romana de Freixo (Penela) está declarada monumento histórico-artístico, e puido ser un dos ramais secundarios da Vía Nova do itinerario de Antonino. A Ponte Nova sobre o Arnoia é dos séculos XVI e XVII.

O concello viviu un forte retroceso demográfico na segunda metade do século XX. Actualmente a sangría aminorou, e moita xente vai a diario a traballar a Ourense no sector servizos.

Cartelle é un dos concellos da comarca con maior superficie de concentración parcelaria, o que permitiu a creación de explotacións gandeiras de maior tamaño e máis evolucionadas. Existen varias empresas da construción e aproveitamento de recursos forestais. Hai moito terreo de monte comunal.