PONTEDEVA, CULTURA, TURISMO E MONUMENTOS

O pequeno pero encantador concello de Pontedeva ubícase no extremo suroeste da provincia de Ourense, asentado na zona centro-sur Galaica. No seu territorio distribúense as parroquias de Pontedeva (San Breixo) e Trado (San Paio), que abranguen unha superficie total de 9’9 Km.2  Acédese pola estrada comarcal OU-410 desde Ourense pasando por Cortegada. Tamén poderemos aceder desde a A-52 desviándonos á altura de A Cañiza e descendento C-531 ata o río Miño, para cruzar a ponte a Cortegada e seguir pola OU-410 ata Pontedeva.

As terras do concello de Pontedeva limitan polo sur con Padrenda e Quintela de Leirado, polo oeste co río Miño ao seu paso por Crecente, polo norte con Cortegada e polo leste con Gomesente. Xeograficamente sitúase na marxe septentrional das Serras do Aguillón e Caúño, sen grandes cadeas montañosas no interior dos seus dominios, xa que se sitúa no fondo do gran anfiteatro que forma a Serra de Silvaescura ou da Moura, coas diferentes entidades poboacionais orientadas cara o solpor. Esta grandiosa paisaxe comezou a formarse hai 360 millóns de anos, entre finais do Devónico e principios do Pérmico, cando comezaron a colisionar o gran continente Gondwana con Laurasia, dando lugar a un periódo de formación de montañas e cordilleiras chamado Oroxenia Hercínica ou Varisca, ata o momento que xurdíu o supercontinente Panxea II. Despóis de millóns de anos de erosión e arrasamento, no Terciario prodúcese a Oroxenia Alpina (63 m1. a.n.e,), rexuvenecéndose as anciás estructuras hercínicas e formándose novas cordilleiras e afundimentos que servirán de eixe dos futuros ríos, coma o Miño e o Deva. No cuaternario os axentes erosivos irán modelando aínda máis o territorio de Pontedeva ata configurar a paisaxe actual que, ao situarse no fondo do val, recolle todos os materiais arrastrados nas grandes erosións da última era Xeolóxica.

A xeomorfoloxía é bastante uniforme, con multitude de outeiros que non superan os 400 metros de altura distribuídos nas marxes do río Deva. O territorio está confecionado polas vertentes inclinadas das montañas que descenden cara os ríos e regatos. A rede hidrográfica é bastante abundante, con  multitude de cursos de auga que alimentan ao río Deva e co río Miño facendo fronteira co concello de Crecente.

A xulgar polos achados arqueolóxicos, temos referenzas históricas da presenza humana nas terras de Pontedeva desde o primeiro milenio antes da nosa era, concretamente na Cultura Castrexa Galaica, organizándose poboados castrexos situados en cúmios con boas condicións defensivas e rodeados de grandes muraias pétreas. Exemplos desta gran cultura témolos en Pontedeva nos castros de Valiña e de A Senra. Posiblemente desta época proveña o topónimo que da nome a estas terras, pois Deva era unha divinidade das augas que ben seguro foi venerada polos castrexos. Na época romana, prosegue o devir histórico das terras de Pontedeva, con posibles evidencias do paso dunha vía romana secundaria que atravesava as fertis terras deste concello.

Na Idade Media, estas terras pertenceron ao Señorío do Marqués de Malpica, quen se encargaba de impartir a xustiza ordinaria e cobrar impostos, baixo a xurisdición da Fortaleza de Milmanda. Desde o ano 1820 formou parte do partido xudicial de Celanova ata 1965 que se incorporou ao de Ourense, e no 1988 pasou a pertencer ao de Ribadavia.

O patrimonio histórico artístico do municipio concéntrase, sobre todo, nas igrexas parroquiais de Trado e de Deva, a primeira cun retablo barroco e a segunda cun retablo neoclásico. Outros exemplos de arquitectura relixiosa son: a capela de San Bartolome-Xinzo que data do ano 1624; a capela de Santa María Magdalena (Freáns), que data do ano 1681, cun retablo barroco e unha interesante imaxe relicario de Santa María Magdalena; e as capelas de San Xusto de Trado e da Abeleira.

As pontes son un interesante legado do patirmonio histórico de Pontedeva, destacando a Ponte de Deva, que une Deva con Freáns, de estilo románico. Máis antiga é a Pontecantiño, que une o concello de Pontedeva co de Cortegada e pola que pasaba unha vía de peregrinación medieval: Á esquerda do Río Miño, dende a fronteira portuguesa cara Pontebarxas e seguía por Trado, Pontetrado, Cortegada, Arnoia, Ribadavia ata chegar a Santiago de Compostela. Dito camiño pertence ao “CAMIÑO XACOBEO MIÑOTO RIBEIRO”.

O patrimonio etnográfico do concello de Gomesende, está representado nos muíños hidráulicos para producir fariña distribuídos polo río Deva e polos pequenos regatos que o nutren. Cruceiros, canastros, petos de ánimas, fontes e lavadoiros complementan a etnografía destas frondosas terras.

O remanso de paz que se respira no concello de Pontedeva, conséguese ao través do excepcional patrimonio natural que se agocha nestes terreos, sobre todo grazas ás cristalinas augas do río Deva, onde se pode practicar a pesca deportiva da troita, e ao rio Miño, onde se caza a lamprea. Os socalcos dos viñedos dominan boa parte da paisaxe de Pontedeva, co característico corido que as videiras lle outorgan á paisaxe. O feito de ser un concello moi rico en auga, fai que prolifere unha frondosa vexetación con varias tonalidades de verdes, sendo un regalo para a vista que merece a pena contemplar.

 

Advertisements