QUINTELA DE LEIRADO, CULTURA, TURISMO E MONUMENTOS

Quintela de Leirado é un concello pertencente á Comarca da Terra de Celanova. Segundo o Padrón Municipal, no ano 2010 tiña 751 habitantes, os mesmos que o ano anterior. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é Quintelán. Atópase no val do río Deva. Ten unha orografía accidentada, cunha elevada altitude media. Ó sur ten alturas superiores ós 1.000 metros nas estribacións da serra de Leboreiro en cumios coma o Penagache (1.213 metros) ou o Aguillón do Castelo, de aspecto agreste e fortes pendentes. Ó noroeste localízanse coutos e cerros de cumios chás de entre 700 e 900 metros de altitude, como o couto de Silva Escura ou o couto da Moura. O río Deva, afluente do Miño, nace ó pé da serra de Penagache, en Arrotea, a 1.000 metros de altura. Posúe un trazo sinuoso con fortes pendentes, regando toda a zona. Na idade Media a parroquia de Leirado estivo supeditada á xurisdición eclesiástica do mosteiro de Ramirás, mentres que as de Santa María de Leirado e Redemuíños pertencían ó señorío do marqués de Malpica. A configuración parroquial modificouse en 1836 ó crearse a parroquia de Quintela de Leirado, completándose en 1893 coa de Xacebáns.

Advertisements