CON S. BIEITO

(Foto: Alfonso Soto Freire)

Hoxe é o día de San Benito. Subo antes do amencer a Coba de Lobo, para as seis, á primeira misa. Inicia o cura o rito en castelán de novo -sempre, sempre-, unha vez máis de costas ó pobo, á xente, á nós que somos unha fraternidade de romeiros coa tradición. Cando o párroco predica naquela lingua -de novo: non hai cortesía- dou en matinar noutras mañás similares de costumes semellantes: dende a miña terra vital de camiños de San Cristovo de Cea a San Bieito do Marañao, ó sur da vila capìtal, ata o Ribeiro do Avia en San Bieito de Cuñas (San Lourenzo da Pena, Cenlle), preto da familia Gil, que compartiu mesa e viño ó calor da amizade. E tamén San Bieito do Rabiño, en Cortegada, terras tamén de vides e traballo no Ribeiro do Miño, onde mora aínda parte da miña familia materna.

Hai nas terras do “Bosque máxico” máis dun San Benitiño. Mais hoxe imos deternos en San Bieito de Grou, no coto do seu nome (e parroquia de san Mamede, concello de Lobios). No alto, entre as árbores está a ermida, co seu fondo e airoso adro porticado tetrástilo. A capela é unha boa construción de pedra dunha nave. Esta ten tres arcos de medio punto sobre piares e aquela bóveda de nervos cuatripartita, cuberta no testeiro polo retablo do santo, obra decimonónica. Co seu tradicional hábito monástico negro e longas barba, leva nas mans o báculo abacial e o libro aberto da Regra. Ós pés están a mitra e o corvo co pan no pico, que alude a un dos seus milagres máis coñecidos. Os elementos artísticos máis salientables están no exterior, concentrándose na decorada fornela do santo sobre a porta principal. Esta ten acodos do Barroco se ben isto e a espadada -dun corpo e esvelto remate de perfís curvilíneos e óculo central-, remitan xa a unha época posterior ó segundo terzo do século XVIII e primeiro do seguinte, cando xa non era o estilo determinante. O denticulado decorativo sobre o arco da campá dálle un ar estático clásico que contrasta cos pináculos con acróteras que na fachada e nos ángulos da cabeceira buscan o ceo.

Neste sobranceiro entorno montuoso con culto de romaría cada once de xuño dende fai séculos é tamén un espazo cultual ós antepasados dende tempo inmemorial: cando menos dende hai cinco mil anos pois. En efecto, nas inmediacións da antiga capela hai unha necrópole con enterramentos funerarios colectivos da época prehistórica do Neolítico: son varios os túmulos descubertos nos últimos anos, sendo coñecidas unhas seis mámoas. Todas, dende a análise dos achados poden datarse ca. 4000-2500 a.C.

San Bieito de Grou é unha sobranceira árbore, e nela hai árbores. A súa presenza reflicte a influenza dos monxes bieitos de Celanova, con posesións ata as Terras de Santa Comba de Bande e máis aló. Por qué non conmemorar a súa festa monástica cada 21 de marzo coa solemne plantación dunha árbore cada ano no seu entorno? A coincidencia coa da primavera debería propiciar a actuación.

Advertisements