ROTEIRO DA CANLE DE ESCUDEIROS OU DO RÍO ARNOIA

O Roteiro da Canle de Escudeiros ou do Río Arnoia, enclávase no tramo final do canón do río Arnoia, cuxa forza e caudal erosionaron de tal xeito a súa bacia, configurándolle á paisaxe unha característica xeomorfoloxía de escarpes e fortes caídas. No interior dun espeso bosque de ribeira de exuberante frondosidade, agóchanse multitude de camiños, carreiros e congostras, confecionados polos devanceiros destas indómitas terras para as seu desenvolvemento económico: gandeiros, agricultores, mineiros, muiñeiros, viticultores, pescadores…
Ao longo do percorrido, iremos descubrindo os tesouros e lendas que enriquecen o Patrimonio Material e Inmaterial do noso país. Cruceiros, mámoas, castros, minería histórica, arqueoloxía industrial e etnografía están sobradamente representados no patrimonio cultural dos concellos de Ramirás e Gomesende.
É digno de agradecer á asociación cultural Santa Barbara de Escudeiros a recuperación deste magnífico roteiro do río Arnoia clasificado como PR-G 143, que axuda a coñecer o Patrimonio Cultural de Galicia e a protexer a súa paisaxe.

http://gl.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=view&id=3149450&measures=on&title=off&near=off&images=off&maptype=T

O ROTEIRO
Partiremos do rústico cruceiro de Escudeiros, situado por debaixo da igrexa parroquial de San Xoán, fronte a un peto de ánimas de moi boa factura.
O inicio do percurso, desenvólvese polo Camiño Real Vigo-Madrid, tamén chamado A Verea. No fondo da aldea deseviarémonos á esquerda polo Camiño dos Muiñeiros, que pasa á beira da Mina do Rei, entre unha frondosa vexetación autóctona que colonizou o terreo antigamente empregado para viñedos e barbeitos. Así descenderemos ata visualizar o canón do río Arnoia, cuxo esporón do Santo, situado xusto enfronte, albergou un poboado castrexo ao que na Idade Moderna se lle engadíu a pequena ermita do Santo.
Desde este punto onde comeza a forte caída cara ao Arnoia, decenderemos zigue-zagueando, absorbidos polo tupida fraga que forma o pulmón do Arnoia ata a corga de Filgueiró, que cruzaremos nun pontillón de madeira situado preto da mina de estaño da Central.
Seguindo pola marxe esquerda do Arnoia, pasaremos á beira do muíño do Lois para chegar á presa do Cachón, onde comeza unha canle de tres quilómetros, construída para levar a auga a unha central e producir electricidade. Esta canle serve de formidable balcón sobre a Gorxa do Arnoia que, con pequenos saltiños e remansos, vai seguindo o seu percurso ata o Miño. A metade de camiño da Canle, estréitase a gorxa de tal xeito que un forte escarpe queda colgado sobre o río. O precipicio, chamado Foxo do Muro, foi empregado como trampa de lobos natural ao longo da Idade Media e Moderna. No final da Canle, tamén se atopan as ruínas da central e da Bomba, empregada para bombear a auga desde o río ata as minas de estaño.
Desde o final da canle, márcase un pronunciado ascenso ata o Coto de Seoane, situado sobre un esporón rochoso que forma un meandro, desde o que se contemplan os impresionantes cortados do río Arnoia que lle serviron de defensa natural ao poboado Castrexo de Seoane.
Desde Seoane, novamente teremos que voltar a descender ata o río, zigue-zagueando e sen abandoar o bosque de ribeira que nos produce constantemente unha gran sensación de frescor e unha ampla gama aromática. Na beira dereita do Arnoia, sitúanse as ruínas dos muíños de A Chancela, anigo centro económico de gran actividade, con muíños de 4 moas para producir fariña. Preto dos muíños situábase a ponte de Chancela, onde o roteiro do río Arnoia coincide coa ruta do Afranio, un deputado do Partido Galeguista, que tivo que escapar dos fascistas disfrazado de esmoeiro por Galicia adiante.

Desde Chancela, preséntansenos dúas opcións para ascender deica a aldea de O Viso; a primeira delas, de escaso interese, sobe pola pista de terra por onde está marcado o roteiro; a segunda delas, moito máis fermosa, ascende polo Camiño da Costa, unha ancestral corredoira que daba cobertura ás parcelas de cultivo de veciñas e veciños de O Viso. Neste lugar, unha tradicional fonte de auga fresca, permitiranos refrescarnos e coller forzas para desenvolver o último tramo da aventura, a ascensión ata o Santuario de O Val polo Camiño dos Defuntos. 150 metros ao sur do Santuario, poderemos ver un potente túmulo funeraio, vestixio da cultura Neolítica que se desenvolveu no país entre o V e o II milenio antes da nosa era.
Desde o santuario, proseguiremos pola divisoria de augas entre o Deva e o Arnoia coroada cun rústico cruceiro, ata chegar á Chaira de Poulo, onde avanceremos entre as cárcavas das antigas explotacións de estaño e wolfram, ata chegar de novo ao punto de partida.

Advertisements