Roteiro dos Currais da Fraga

Iniciaremos o percurso no centro da aldea de montaña de A Fraga, ubicada nos sopés da Serra do Leboreiro, nun lugar axeitado para recibir os primeiros raios do mencer. No centro da aldea, poderemos visitar un antiquísimo canastro de pedra e o forno comunal da aldea, ademáis de coller auga na fonte para beber durante a camiñata.

http://gl.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=view&id=3547234&measures=on&title=off&near=off&images=off&maptype=T

Logo de percorrer os primeiros pasos entre os campos de labadrío de A Fraga, nos que os pastores recollen a ferraña para darlle de comer ao gando ao longo do crudo inverno, comezaremos o ascenso aos currais de gando de A Fraga. Nestes campos verde protexidos cun cerco de pedras, gardan os gandeiros os rebaños de cabras e ovellas para protexelos dun posible ataque do lobo.
Seguiremos, ascendendo á Serra do Leboreiro, na que se agochan os vestixios da Cultura Neolítica Galega, con multitude de enterramentos tumulares espallados pola montaña. Así, chegaremos á mámoa “Irlandesa”, bautizada dese xeito polo arqueólogo José María Eguileta Franco, polo verdor da súa cobertura vexetal que lembra ás mámoas anglosaxonas. En breve chegaremos ao alto do planalto, onde aínda é posible divisar grandes mandas de équidos e bóvidos en rexime de semi-liberdade, sobre todo a vaca cachena, ven adaptada ás durezas da serra. Ao longo do planalto, espállanse os marcos de pedra que dividen a nación galega do veciño país lusitano. Disfrutando das fermosas paisaxes do planalto e do frescor da serra, iniciaremos o descenso ata a aldea de Taboazas, onde vive un magnífico exemplar de Querqus Robur centenario á beira da capela da aldea. Proseguiremos cara ao oeste para chegar ao punto de partida, non sen antes achegarnos a observar unhas interesantes gravuras rupestres con cruces insertadas en círculos e outros motivos abstractos, nun afroramento de xisto ao pé do río Fragoso.

Advertisements