RAMIRÁS, CULTURA, TURISMO E MONUMENTOS

O concello de Ramirás ubícase no extremo suroeste da provincia de Ourense, asentado na zona centro-sur Galaica. No seu territorio distribúense as parroquias de Casardeita (Santiago), Escudeiros (San Xoán), Freás de Eiras (Santa María), Grixó (Santa Isabel), Mosteiro (San Pedro), Paizás (San Salvador), Penosiños (San Salvador), Rubiás (Santiago), Santo André de Penosiños (Santo André) e Vilameá de Ramirás (Santa María), que abranguen unha superficie total de 40’7 km2. O principal punto de aceso é a C-531, que une Celanova coa A-52 á altura de A Cañiza.

As terras do concello de Ramirás limitan polo sur-leste con Celanova, polo oeste con Gomesende, e polo norte con Cartelle. Xeograficamente sitúase na marxe septentrional das Serra de Silvaescura ou da Moura, gran cadea montañosa que descende cara ao Arnoia, e en cuxas ladeiras se asentan as diferentes entidades poboacionais orientadas cara ao nacente. Esta fermosa paisaxe comezou a formarse hai máis de 360 millóns de anos, entre finais do Devónico e principios do Pérmico, cando comezaron a colisionar o gran continente Gondwana con Laurasia, dando lugar a un periódo de formación de montañas e cordilleiras chamado Oroxenia Hercínica ou Varisca. Despóis de millóns de anos de erosión e arrasamento, nos movementos tectónicos da coiraza terrestre perante o Terciario, eclosiona a Oroxenia Alpina (63 m1. a.n.e.), rexuvenecéndose as anciás estructuras hercínicas e formándose novas cordilleiras e afundimentos que servirán de eixe dos futuros ríos, coma o Tuño e o Arnoia que bañan as terras de Ramirás. No Cuaternario, os axentes erosivos irán modelando aínda máis o territorio de Ramirás arrastrando cara ao Arnoia todos os materiais acumulados nas grandes erosións da última era Xeolóxica, ata formar a paisaxe actual.

Distínguense varias unidades xeomorfolóxicas diferenciadas: na zona sur concéntrase a área montañosa  de Silvaescura, con elevacións superiores a 900 m. e destacando o Outeiro da Moura (940 m.) como punto máis elevado do concello. Na zona central sitúanse outeiros e pequenas chairas onde se concentran as principais entidades poboacionais. O resto do territorio está confecionado por vertentes moderadamente inclinadas que descenden cara aos ríos e regatos. A rede hidrográfica é bastante abundante, con  multitude de regatos  e corgas distribuídos de sur a norte que alimentan ao río Tuño, e pequenas e vertixinosas caídas cara ao río Arnoia, fronteira entre este concello e Cartelle.

A xulgar polos achados arqueolóxicos, temos referenzas históricas da presenza humana nas terras de Ramirás desde o Neolítico, concretamente nas serras que se erguen sobre os profundos e erosionados vales do Arnoia e do Tuño. Desta época de nacemento da agricultura e da gandeiría extensiva coñecida como Megalitismo, quedan os vestixios das mámoas da Serra da Moura. Os túmulos megalíticos da Moura, agochan no seu interior grandes cámaras funerarias, onde os primeiros poboadores destas terras enterraban aos seus defuntos hai 5000 anos.

A partires do primeiro milenio a.n.e. chega tamén a Ramirás a Cultura Castrexa, organizándose poboados situados en cúmios con boas condicións defensivas e rodeados de grandes muraias pétreas. O exemplo máis representativo  desta gran cultura témolo no castro de Marnotos, na parroquia de Penosiños.

Na época romana, prosegue o devir histórico das terras de Ramirás, con posibles evidencias de asentamentos romanos tipo villae, aproveitando as fertis terrazas productivas dos ríos Tuño e Arnoia

Na Idade Media, os grandes canteiros do románico deixan a súa testemuña. O exemplo máis importante é o Mosteiro de San Pedro de Ramirás, presidido pola portada da igrexa do mosteiro de monxas da Orde de San Bieito que, logo de ser independente desde a súa fundación en 1137, foi absorbido a finais do século XV pola abadía de San Paio de Antealtares, situada en Compostela. A monumental igrexa é de estilo Románico, inda que ten evidentes mostras do Gótico. A fachada, con tres arquivoltas lisas, presenta o vocabulario paradigmático do Románico derivado do “camiño de Santiago”, do mesmo xeito que a decoración de bolas da parte superior da portada. O espléndido rosetón con frores de lis e medias luas formando os oito segmentos ou radios, o mesmo número de arquiños de ferradura que leva no centro, configuran unha variedade decorativa totalmente gótica. No interior as tres naves sepáranse por piares cruciformes, con tribuna nos pés expresando grandiosidade. A cabeceira esta abovedada con nérvios cuatripartitos no tramo recto e as naves con arcos de medio punto. Do rico mibiliario artístico que posuía no pasado, só conserva un frontal de altar de estilo barroco.

O resto do patrimonio histórico artístico do municipio concéntrase sobre todo nas igrexas parroquiais, con grandes naves coroadas con espadanas de arcos e teitos coroados con pináculos de bolas. No interior destacan algúns retablos barrocos de excelente talla coma o de San Salvador de Penosiños cunha talla de gran calidade que se pode datar do século XVI, na órbita do “mestre de Sobrado”.

O patrimonio etnográfico do concello de Ramirás está representado nos muíños hidráulicos para producir fariña, coas súas presas e levadas distribuídas polos ríos Tuño e Arnoia e os pequenos regatos que os nutren. Cruceiros, canastros, petos de ánimas, fontes, lavadoiros e capelas complementan a etnografía destas indómitas terras.

No podemos esquecer o magnífico patrimonio natural de Ramirás, coa vertente norte da serra de da Moura exercendo de pulmón da comarca, cunha exuberante vexetación onde o carballo é o rei, acompañado de multitude de especies características do bosque atlántico. Do mesmo xeito, as paredes do Arnoia estréitanse e encaixónanse para agochar unha gran variedad de flora representativa do bosque de ribeira. Multitude de camiños, corredoiras, canellas e congostras percorren as terras do concello facendo as delicias dos amantes do sendeirismo e da aventura. Os ríos de Ramirás transmiten vida e pureza, sendo magníficos para a práctica da pesca deportiva ou para relaxarse ao pé dunha fervenza, destacando o pintoresco lugar de Pontenova, onde se ubica unha gran área de lecer ao pé da praia fluvial do río Arnoia.

 

Advertisements