GOMESENDE, CULTURA, TURISMO E MONUMENTOS

O concello de Gomesende ubícase no extremo suroeste da provincia de Ourense, asentado na zona centro-sur de Galicia. No seu territorio distribúense as parroquias de A Guía (Santa María), O Pao (Santa María), Penosiños (San Salvador), Poulo (San Pedro), San Lourenzo de Fustáns (San Lourenzo) e o Val (Santa María), que abranguen unha superficie total de 28,3 Km.2  Accédese pola estrada comarcal C- 531, Xinzo de Limia- A Cañiza, a 41 km. da capital provincial.

As terras do concello de Gomesende, limitan polo sur con Quintela de Leirado, polo oeste con Pontedeva e Cortegada, polo norte con Arnoia e Cartelle e polo leste con Ramirás. Xeograficamente sitúase na marxe septentrional da Serra do Leboreiro, coa cadea montañosa da Serra de Silvaescura ou da Moura, como formación máis elevada e representativa do concello, xa que forma como un gran anfiteatro no que se sitúan as diferentes entidades poboacionais, orientadas cara o solpor. Esta paisaxe comezou a formarse hai moitos millóns de anos, entre finais do Devónico e principios do Pérmico, perante a fase xeolóxica coñecida como Oroxenia Hercínica ou Varisca. Despóis de millóns de anos de erosión e arrasamento, durante a Oroxenia Alpina (63 m1. a.n.e,), no Terciario, prodúcese un rexuvenecemento das anciás estructuras hercínicas, formándose novas cordilleiras e afundimentos que serán os eixes dos futuros ríos, coma o Arnoia e o Deva. No cuaternario os axentes erosivos irán modelando aínda máis o territorio de Gomesende ata configurar a paisaxe actual, con vales moi profundos e encaixonados.

Distínguense varias unidades xeomorfolóxicas diferenciadas: na zona leste concéntrase a área montañosa con elevacións superiores a 800 m, destacando o Marco das Cruces (868 m.) como punto máis elevado do concello. Na zona norte sitúase  a penichaira que forma a divisoria entre os vales do Arnoia e do Deva. O resto do territorio está confeccionado polas vertentes moderadamente inclinadas dos montes que descenden cara aos ríos e regatos. A rede hidrográfica é bastante abundante, con  multitude de regatos distribuídos de leste a oeste, que alimentan ao río Deva e pequenas corgas no norte, distribuídas de sur a norte subsecuentes do Arnoia,  fronteira entre este concello e Cartelle.

A xulgar polos achados arqueolóxicos, temos referenzas históricas da presenza humana na terras de Gomesende desde o Neolítico, concretamente nas serras que se erguen sobre os profundos e erosionados vales do Arnoia e do Deva. Desta época agrogandeira coñecida como Megalitismo quedan os vestixios das mámoas do Seixival, as mámoas de Fustáns, as mámoas do Seixo e a necrópole megalítica da Serra de Silvaescura ou da Moura. Non se coñecen xacementos no concello de Gomesende asociados á Idade dos Metais. Tampouco apareceron petroglifos con motivos abstractos asociados ao Calcolítico Final-Idade do Bronce; a única gravura que se coñece no territorio de Gomesende é un motivo cruceiforme, posibelmente asociado a unha demarcación medieval. Na Idade de Ferro, prosegue o devir histórico das terras de Gomesende, organizándose poboados castrexos, situados en cúmios con boa visibilidade e boas condicións defensivas, ás veces incrementadas con unha ou máis muraias pétreas. Exemplos da Cultura Castrexa en Gomesende, témolos en varios Castros que dominan as pendentes agrícolas dos Vales do Arnoia e do Deva: os castros de Outeiro de Vilacoba, Coto de Soane, Monte Pigarzo e Outeiro da Moura e o Coto do Dorno, asentamento fortificado cun alxive no cúmio.

A época romana case pasa desapercibida, tan só asociándose á mesma o Xacemento Romano de Os Chenlos. No Vertente Leste da Serra do Seixival aparece a explotación mineira a ceu aberto do Seixo, que dada a cercanía dos Xacementos Castrexos e Romano, poido ter unha explotación histórica.

O patrimonio histórico artístico do municipio concéntrase, sobre todo nos Santuarios de Nosa Señora da Guía e Nosa Señora do Val. O primeiro presenta unha portada decorada con piastras clásicas que presentan un modelo de fachada-retablo. Sobre esta, un frontón con volutas inversas nos extremos, que se rematan con pináculos de bolas. A portada está coroada con espadana de arco de un só van sobre arco de doble van, coraoada cunha cruz pétrea. As ábsidas son rectangulares e coradas con pináculos rematados en bolas e con ventanais cadrados tapiados por retablos no interior. A cuberta é unha falsa bóveda de canón dividida en tres tramos e de lunetos na capela maior. O segundo enclávase nun emplazamento espectacular, na divisoria de augas entre o Deva e O Arnoia.  O templo é de estilo Barroco con doble cimborrio octogonal, chamando a atención os restos renacentistas sen rematar que hoxe forman o patio onde se asenta o Camposanto. No seu interior é reseñable un retablo labrado en pedra e a imaxe da “Nosa Señora do Val de Poulo”. Nos arredores destaca un rústico cruceiro de finais do XVIII e diversos restos dunha fonte termal e dunha capela. Ao pé da estrada de entrada ao Santuario atópase unha casa cunha inscrición de 1710, identificada coma un albergue de peregrinos que se dirixían a Compostela. Outros exemplos de arquitectura barroca son os templos parroquiais de O Pao, Poulo e Fustáns.

O patrimonio etnográfico do concello de Gomesende está representado nos muíños hidráulicos para producir fariña distribuídos nos pequenos regatos que alimentan ao Deva. Cruceiros, canastros, petos de ánimas, fontes, lavadoiros e capelas complementan a etnografía destas frondosas terras.

 

Advertisements