CELANOVA, CULTURA, TURISMO E MONUMENTOS

Situación – O concello de Celanova está situado no oeste da provincia ourensá ao sur da capital da provincia, Ourense. Á espera da construción da autovía Ourense-Celanova[3], está comunicado coa capital ourensá pola N-540 que no sentido inverso serve de enlace coa fronteira de Portugal. Ademais tamén se comunica con Xinzo de Limia pola OU-531 atravesando o Monte do Furriolo.
Algúns datos xeográficos son: altitude: 530 msnm / latitude: 42º 09′ N / lonxitude: 007º 58′ O / superficie: 67,3 km²

Orografía – No que se refire á cunca natural propia do municipio, Celanova identifícase por ser unha zona de media montaña, con dúas unidades morfolóxicas perfectamente diferenciadas que teñen o seu punto de inflexión na capital do concello a uns 525 metros de altitude. A metade suroccidental, por riba desa cota, é a que alcanza as máximas elevacións, coa Casa da Neve como punto álxido. Pola contra, a metade nororiental, máis poboada, raramente supera os 500 metros de altitude o cal xunto co ríos Sorga e Arnoia, da lugar a unha val agrario moi productivo.

Hidrografía – Os ríos máis importantes que regan o concello son o río Tuño polo suroeste e os ríos Sorga e Arnoia polo norleste. Estes tres ríos nútrense dunha abundante rede de pequenos afluentes e regatos que fai deste concello unha zona rica en auga. Como símbolo desta riqueza a capital do municipio é atravesada por un pequeno regato coñecido co nome de regato da serra o cal baña as antigas terras do Mosteiro de San Salvador.

Clima – Chove pouco (772 mm, cun mínimo no verán de 66 mm). A oscilación térmica é grande: 24 °C, entre os 7 °C de Xaneiro e os 21 °C de Xullo.

Demografía – Ao longo da súa historia a poboación do concello de Celanova sempre estivo relacionada co Mosteiro de San Salvador que preside a vila. Neste último século a poboación sufriu variacións constantes xa que a partir da segunda década do século XX o número de habitantes do concello comezou a aumentar ata conseguir ser, en 1940, o segundo concello da provincia en número de habitantes[5]. Despois deste punto, o número de habitantes empezou a sufrir un descenso pronunciado que aínda se mantén na actualidade.

Historia – En 936 San Rosendo fundou o Mosteiro de San Salvador de Celanova, ao que se lle foron outorgando numerosas doazóns e privilexios. No século XI era o máis poderoso e os seus dominios estendíanse pola Alta Limia, Monterrei e O Ribeiro.
Os irmandiños destruíron as fortalezas de Milmanda e Vilanova dos Infantes. Desde o século XV o mosteiro foi vítima de depredacións por parte dos nobres e tivo que ser recuperado polos Reis Católicos. A partir de 1506, coa adhesión aos mosteiros beneditinos de San Benito El Real de Valladolid, perdeu independencia, se ben foi quen de conservar o seu esplendor.
Celanova sofriu as consecuencias das disputas entre Portugal e España debido á súa proximidade á fronteira. No século XIX, durante o Trienio Liberal, o mosteiro foi exclaustrado e, finalmente en 1837, desamortizado.
En 1927 incorporouse ao concello Vilanova dos Infantes e en 1967 Acevedo do Río.

Economía – Celanova constitúese en centro comarcal de servizos, sector que ocupa o 40 % da poboación. A industria (30 %) xira en torno á explotación dos recursos locais (madeira, leite, carne, metalurxia) e á construción.
Cultívanse hortalizas, flores, kiwis e legumes. O gando é, sobre todo, porcos e, logo, ovellas, cabras e vacas.

Patrimonio histórico e artístico – A parte antiga da vila de Celanova está declarada Conxunto Histórico Munumental. O mosteiro de San Salvador de Celanova conta cunha igrexa abacial do século XVI, obra de Melchor de Velasco, dous claustros e as dependencias monacais. A capela de San Miguel é mozárabe.
Moi preto está Vilanova dos Infantes, onde está a torre de Vilanova dos Infantes, torre da homenaxe vestixio do castelo do século XIV derrubado polos irmandiños. Nun outeiro próximo está o castro de Castromao.
En Milmanda, a igrexa parroquial (século XVIII) érguese sobre os restos da torre de Milmanda, castelo do século X.
En Rabal hai unha ermida renacentista. Sobre o río Arnoia, a ponte romana de Freixo conduce ao concello de Cartelle.

Advertisements