Roteiro de Penagache

Comezaremos o roteiro no centro da pintoresca aldea de Xacebáns, colgada sobre o río Deva nun pequeno rechairo dos sopés da Serra do Leboreiro. Tras deixar atrás as derradeiras casas do núcleo rural, atoparemos unha bifurcación na que tamaremos o camiño da esquerda, onde arranca un duro e pronunciado ascenso ate a mítica cima de Penagache, unha temenda concentración de bolos graníticos venerada desde tempos inmemoriais polos ancestrais poboadores destas terras, e cristianizada cun cruceiro a principios do século XX.

De camiño a Penagache, poderemos contemplar as suaves lomas das serras de Basteira e do Aguillón, e as fortes caídas onde se xuntan o Rego da Basteira e a Corga do Salto do Gato. Desde o cruceiro de Penagache as vistas son infinitas cara ao norte, podendo divisar en días claros a Serra do Courel. Entre as rochas do promontorio rochoso proliferan os arandos (vaccinium myrtillus) e unha curiosa pranta, o coxín de monxa (erynacea anthyllis).

http://gl.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=view&id=3320825&measures=on&title=off&near=off&images=off&maptype=T

Logo de coroar Penagache, un último esforzo achegaranos á Lomba do Mouro, xa no planalto leboreirano, unha serra intensamente aplanada pola presión dun gran casquete glaciar ao londo da última glaciación Würmiense. A extensa planicie alberga unha das necrópoles megalíticas máis importantes do país, con máis de 200 túmulos funerarios espallados polo planalto, amosando a gran actividade humana desta serra hai 5000 anos. Na Portela de Pau, atópase a máxima expresión diste fenómeno megalítico, a Mota Grande, unha mámoa que supera os 4000 m3 de volumen de terra para agochar unha cámara funeraria ou dolmen onde se depositaban os restos dos difuntos.

Disfutando da maravillosa paisaxe do Leboreiro e da súa rica e variada fauna, comezaremos un pronunciado descenso desde a Serra da Basteira á Serra do Aguillón, cuxo Coto do Castelo, nos proporcionará unha gran visual da bacia do Miño. Bordeando o Coto do Castelo, chegaremos á aldea de As Chedas, desde onde descenderemos ata a Corga do Salto do Gato para percorrer, entre unha frondosa carballeira, o último tramo do roteiro que nos achegará de novo ao punto de partida.

Advertisements