Roteiro do Castro do Santo

Partiremos da área de lecer de A Ponte Nova, onde poderemos gozar dun excelente parque de merendas ao pé da praia fluvial do río Arnoia.

O percorrido comeza na marxe dereita do Arnoia, onde rochas e árbores mostran as pegadas do artista local José Domínguez. De seguida chegaremos á gran presa de A Balsada que, ao través da súa levada, alimenta unha sucesión de muíños hidráulicos que na actualidade están en absoluta ruína. Continuando pola beiriña do Arnoia chegaremos aos muíños de A Canal, que nos amosan a xiganteca dimensión que antano tivo no país Galego a elaboración tradicional do pan.

Deixando atrás os muíños, disfrutaremos do frondoso e aromático bosque de ribeira que forma o canón do río Arnoia para ascender progresivamente ao castro do Santo, lugar de senlleira beleza, cristianizado cunha capela que presenta na portada un monumental arco de media volta.

http://gl.wikiloc.com/wikiloc/spatialArtifacts.do?event=view&id=3389158&measures=on&title=off&near=off&images=off&maptype=T

O percurso continúa a media ladeira sobre o río e, aproveitando as pistas da parcelaria, achéganos á pintoresca aldea de Sanguñedo, resistindo os derradeiros coletazos do mal xenérico que afecta ao rural da provincia de Ourense, a despoboación e incapacidade productiva.

Proseguiremos ata a igrexa parroquial de Vilar de Vacas, cun interesante conxunto etnográfico, e abordaremos o fermoso val onde se asentan as principais aldeas que forma a parroquia: Os Carballos, Vilar de Vacas e O Mato, con boas mostras de arquitectura tradicional e airas de canastros. Finalmente, descenderemos novamente ata o punto de partida, na área de lecer de A Ponte Nova.

Advertisements